O módulo SmartEye do centro galego Gradiant recibe un premio internacional

xoves, 17 de setembro do 2020 Sonia Pena

A tecnoloxía de análise intelixente de vídeo do Centro Tecnolóxico Gradiant logrou a máxima puntuación no Drone-vs-Bird Detection Challenge, unha proba celebrada no marco da terceira edición do International Workshop on Small-Drone Surveillance, Detection and Counteraction Techniques (WOSDETC2020) e da IEEE International Conference on Advanced Vídeo and Signal- based Surveillance (AVSS 2020). A proba centrouse na detección e identificación de drons fronte a paxaros a gran distancia, segundo informa o centro galego Gradiant “un dos maiores retos aos que se enfrontan as tecnoloxías de vídeo analítica nestes momentos”.
O investigador Miguel Méndez explica que malia “que participabamos antes en competicións deste tipo, neste reto puidemos probar a fiabilidade e o avanzados que son os nosos algoritmos para dar solucións a problemas reais, como é a identificación de vehículos aéreos non tripulados fronte a outros obxectos, neste caso paxaros”.
Integrado no sistema Counter UAS, o módulo SmartEye desenvolvido por Gradiant e premiado no Drone-vs-Bird Detection Challenge facilita a detección, clasificación e seguimento de aeronaves non tripuladas, utilizando tecnoloxía de análise intelixente de vídeo e sensores pasivos EO/IR. “O resultado que conseguimos é froito de máis de 12 anos traballando en técnicas de Visión por Computador e Intelixencia Artificial e, máis recentemente, tamén en técnicas de Deep Learning, ao que cómpre engadir o adestramento dos nosos algoritmos con moitas imaxes de drons e paxaros durante os últimos anos”, explica Iago Gómez, responsábel de desenvolvemento de negocio internacional de Gradiant, engadindo que a devandita bagaxe tecnolóxica foi “fundamental para o perfeccionamento do sistema finalmente distinguido”.
Os investigadores do centro galego engaden que a tecnoloxía de análise intelixente de vídeo de Gradiant xa foi probada en escenarios reais, conxuntamente con axencias de seguridade. Baseada en técnicas de Deep Learning e Intelixencia Artificial (imitando o comportamento do cerebro humano), SmartEye detecta e recoñece obxectos a distancias de máis dun quilómetro e en diferentes escenarios (ceo aberto, zonas boscosas, etc.), o cal, sinalan, “contribúe a garantir a seguridade contra ataques de drons nun perímetro de seguridade, evitando danos potenciais en infraestruturas críticas ou sobre a poboación”.

PUBLICIDADE