O mes que vén volverá ás consolas Burnout Paradise

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

No ano 2008 o xogo de condución Burnout Paradise causou sensación coas súas tolerías nas que podiamos facer voar e esnaquizar os vehículos que percorrían a toda velocidade as rúas de Paradise City, e para satisfacer as ansias dos moitos xogadores que botaban a marca en falta o vindeiro 16 de marzo chegará a PlayStation 4 e Xbox One a súa versión renovada, Burnout Paradise Remastered, que máis adiante tamén contará con versión para PC (en Origin).
Este xogo permítenos efectuar acrobacias ao volante tanto nas rúas da cidade como nas estradas máis perigosas das montañas, e nesta remasterización inclúe todos os seus contidos descargables orixinais (distribuídos no seu día en 8 lotes, sumando así máis de 150 vehículos) e engade melloras visuais, de xeito que poderemos gozalo nuns estables 1.080p nas consolas básicas e con gráficos 4K a 60 cadros por segundo en Xbox One X e PS4 Pro.
Burnout Paradise Remastered convídanos a xogar cos amigos en liña, en partidas de até 8 xogadores, contando tamén con multixogador fóra de liña.

Tráiler de Burnout Paradise Remastered