O mercado inmobiliario tira proveito do vídeo por Internet nos EE.UU.

luns, 10 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O uso do vídeo na Internet non é só unha nova canle de distribución audiovisual, senón que tamén se pode converter nunha ferramenta moi útil para usos profesionais, e así o ven dende unha nova web norteamericana, Zipvo, que é un buscador inmobiliario que permite ver vídeos nos que se amosan as vivendas ofertadas, unha veces de xeito frío e descritivo e outras, cun axente inmobiliario presentando cada unha das habitacións no que supón toda unha simulación do que sería unha visita real ó inmoble.
Na web pódese ver unha ficha básica e unha breve descrición de cada vivenda, así como unha ligazón para situala en Google Maps, que completan o vídeo no que se presenta de xeito profesional cada oferta, aínda que este servizo parece algo limitado, xa que no tocante ás buscas se limita a presentar resultados por localización, non contando aínda cun sistema de filtrado avanzado que nos achegue só as ofertas que se axusten ás nosas necesidades.
Ata o momento, Zipvo é un servizo de balde tanto para compradores como para axentes inmobiliarios.

PUBLICIDADE