O máis salientábel da investigación tecnolóxica en eficiencia enerxética reúnese os vindeiros días na Toxa

mércores, 18 de xuño do 2014 Redacción

Participantes da convocatoria previa do congreso celebrada tamén na illa galega

Entre os días 25 e 26 de xuño toca falar, máis que nunca, e eficiencia enerxética e de métodos tecnolóxicos (ou non) para acadala nos nosos fogares e empresas. De feito, os devanditos días está previsto que se reúna na Illa da Toxa, no Grove (Pontevedra), boa parte dos meirandes especialistas internacionais nesta cuestión de sacar o máximo rendemento dos recursos enerxéticos ao tempo que somos quen de aforralos e consumilos de xeito racional, unha cuestión que visto o que acontece co planeta e coas enerxías tradicionais non renovábeis, vai ser a todas luces unha das grandes prioridades da tecnoloxía vindeira, senón a que máis.
Máis polo miúdo, participarán na sexta edición do Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental expertos de 11 países de todo o mundo, presentando os resultados máis relevantes das súas últimas investigacións ao tempo que amosan tecnoloxías e casos concretos para impulsar a rendibilidade e a eficiencia vinculadas á enerxía. O evento, organizado polo centro de investigación galego Economics for Energy e o Centro para a Investigación Económica Europea (ZEW, con sede en Alemaña), é un acontecemento bienal que chega á súa sexta edición consolidado como referente a nivel mundial. Durante o congreso, presentarase a primeira plataforma europea de investigación no ámbito da economía da eficiencia enerxética, promovida por estes dous centros de investigación máis o Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, en Suíza) e a Fundación Eni Enrico Mattei (FEEM), en Italia.
A coordinación da organización do congreso corresponde -un ano máis- ao investigador galego Xavier Labandeira, director de Economics for Energy e que en setembro asumirá a dirección da Unidade de Investigación sobre Política Climática (CPRU) do European University Institute, “un dos centros de referencia para a Comisión Europea nesta materia”, informan os impulsores do evento. Neste, xa nun plano máis concreto, desenvolveranse relatorios científicos a cargo de expertos chegados de Alemaña, Italia, Francia, Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos, Chile, ademais de España. Os relatores principais, informa a organización, serán Richard Schmalensee e Massimo Filippini. O primeiro abordará o futuro da enerxía solar. É profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), onde dirixiu o seu Centro de Investigación de Políticas Enerxéticas e Ambientais. Pola súa banda, Filippini é director do Centro de Política e Economía da Enerxía do Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, considerado o MIT europeo) e membro do Centro de Investigación Económica dependente do mesmo organismo. A súa intervención versará sobre a eficiencia enerxética no sector residencial.
En total, durante o congreso realizaranse 45 relatorios, entre sesións plenarias e paralelas, ás que se sumará unha mesa redonda sobre as fronteiras da economía da eficiencia enerxética na que debaterán expertos procedentes de centros europeos, estadounidenses e xaponeses para obter unha perspectiva mundial.

PUBLICIDADE