O libro da USC Na procura da noite, mellor edición dixital española

martes, 2 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O libro dixital Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno vén de obter o Premio Nacional de Edición Universitaria (edición número 22), na categoría de Mellor edición dixital e multimedia. A obra gañadora desta categoría (dun total de 12 categorías) foi publicada pola Universidade de Santiago en formato ebook (PDF) a través do seu Servizo de Publicacións.
O xurado que decidiu recoñecer a obra da USC estivo constituído por Ernesto Pérez Zúñiga, xefe do departamento de actividades culturais do Instituto Cervantes; Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Carmen Rodríguez Santos, colaboradora do suplemento ABC Cultural; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Cultural de El Mundo; Iker Seisdedos, redactor xefe de Cultura e Babelia de El País; e Pampa García Molina, coordinadora e redactora xefa do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) do CSIC. O xurado valorou o “soporte dixital axeitado á difusión dos contidos visuais desta obra, na que os investigadores realizan unha aproximación ao tema, sen deixar de lado a beleza das imaxes”.
Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, que competía con obras dixitais e multimedia das Universidades de Sevilla, Autónoma de Madrid, Huelva, Cantabria e UNED, reúne preto dun cento de imaxes dos fotógrafos Óscar Blanco, Ana García, Daniel Llamas, Daniel Lois, Alfredo Madrigal, Pablo M. Alemparte, Fernando Rey, Ángel R. Arós e Alba Rodríguez.
Segundo informa a USC, a obra mostra unha relevante escolma de instantáneas da man “dun grupo de soñadores sensíbeis ao instinto ancestral de mirarmos cara ao ceo” e todas e todos co nexo común de querer “rescatar ese tesouro apagado polo malgasto de luz artificial”, tal e como apuntan no limiar da obra Salvador Bará Viñas e Jorge Mira Pérez, profesores do Departamento de Física Aplicada da USC, promotores e coordinadores da obra.
Para o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, o galardón é o recoñecemento a un labor de equipo que tivo unha “cociña moi complexa”, tanto dende o punto de vista da xestión dos dereitos e condicións da cesión entre nove autores como da propia idea do libro, deseño, elaboración técnica, depuración de erros… “ata un produto final que contentou a todas as partes, promotores, autores e editores”.

PUBLICIDADE