O laboratorio cartoLAB contribúe coas súas xeo-enquisas a coñecer o inimigo común: o COVID-19
mércores, 8 de abril do 2020
En
tempos de crise, a nosa comunidade de I+D lémbranos a importancia de
apostar sempre polo coñecemento e a innovación. A gran cantidade de
achados, recursos e solucións para contribuír a saír da crise
sanitaria non fai máis que confirmalo. Por exemplo as contribucións
do
laboratorio cartoLAB da Universidade de Coruña (grupo de
investigación sobre Visualización Avanzada e Cartográfica), que se
uniu á loita contra o COVID-19 cun instrumento que sen dúbida
dominan os seus integrantes: as xeo-enquisas.
Segundo
informa a UDC, o laboratorio ten unha completa experiencia no impulso
de iniciativas baseadas en Emapic, ferramenta de desenvolvemento
propia para realizar enquisas participativas nas que se inclúen todo
tipo de datos, incluída a localización das e dos enquisados. En
virtude da posibilidade de obter datos xeoreferenciados, esta
aplicación está a permitir agora a elaboración de mapas en
diferentes liñas de investigación sobre a pandemia, así como sobre
movementos como #YoMeQuedoEnCasa ou #Coronavirusmakers.
A
primeira das iniciativas creadas con Emapic sobre o COVID-19 foi para
coñecer as medidas de prevención e percepción do risco de
contaxio. Traducida ao español, inglés, italiano, portugués e
francés e con máis de 500 participantes, esta enquisa ilustra o
comportamento da poboación nestas circunstancias tan especiais para
adestrar un algoritmo neuronal que axude a entender os procesos de
expansión dos contaxios.
Amais,
un dos grandes movementos xurdidos ante esta situación de crise está
a ser analizado a través desta práctica ferramenta, o
traballo da iniciativa argalleira #Coronavirusmakers. Para iso,
desde cartoLAB lanzaron unha enquisa coa que se está a elaborar un
mapa activo co que se pode ver onde se atopan os voluntarios e
voluntarias que están a colaborar coas súas impresoras 3D, e como
están a producir e imprimir as pezas para o material sanitario
necesario ante esta alarma do coronavirus.
Por
último, desde cartoLAB lanzaron unha xeo-enquisa que pretende
coñecer o posicionamento das persoas contaxiadas por COVID-19,
froito da colaboración de persoas anónimas, ante a falta de datos
oficiais desagregados cos que poder facer unha análise máis
detallada da situación actual.
A
UDC lembra que todas as enquisas están activas e abertas para todos
aqueles que queiran participar e, desta maneira, “achegar tamén o
seu gran de area desde as súas casas” e coñecer mellor esta
situación excepcional que estamos a vivir.