O investigador do CITIC Daniel Valcarce, Premio Nacional Fin de Carreira

martes, 11 de setembro do 2018 Redacción

O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Daniel Valcarce, recibiu o Premio Nacional Fin de Carreira, concedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, que distinguen ao alumnado máis destacado da súa promoción.Valcarce obtivo un premio de 2.650 euros, sendo o único estudante da UDC en conseguir a distinción.
O investigador recoñecido polo Goberno central cursou os estudos de Enxeñería Informática na Universidade da Coruña e actualmente é investigador da área de Ciencia de Datos e Información do CITIC. De feito, vén de regresar dunha estancia de investigación en Google Múnich, arredor do ámbito da Recuperación de Información.
Na presente convocatoria, o Ministerio premiou aos estudantes que finalizaron os seus estudos no curso 2013-14, concedendo un total de 171 premios en cinco ramas diferentes: Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Artes e Humanidades.

PUBLICIDADE