O investigador Francisco Herrera desvelará no CiTIUS os segredos da intelixencia computacional baseada na natureza

mércores, 30 de xaneiro do 2013 Redacción

O CiTIUS, centro de I+D da Universidade de Compostela, segue adiante co seu programa de accións divulgativas arredor da ciencia e a tecnoloxía, apostando por unha visión internacional e a busca de territorios aínda por percorrer. Como por exemplo o da computación inspirada na natureza, que será a temática xeral do relatorio preparado para o vindeiro xoves 7 de febreiro, que virá da man de Francisco Herrera, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Granada. Herrera, informa o CiTIUS, falará entre outras cousas de novos métodos de cálculo que se basean directamente nos métodos internos e funcionamentos biolóxicos da propia natureza.
Estes métodos, que son a base dunha póla da intelixencia artificial que se chama Computación BioInspirada, serán amosados polo catedrático da Universidade de Granada.

JPEG - 40.8 KB
O investigador da Universidade de Granada, experto en técnicas de cómputo de inspiración biolóxica

A conferencia servirá tamén para presentar algunhas das aplicacións no campo da predición a partir de datos, como a obtención das leis da natureza mediante o uso da programación xenética, ou aquelas aplicacións relacionadas coa predición de series temporais.
Segundo informan fontes do CiTIUS, Herrera está considerado coma un dos investigadores máis recoñecidos no eido da intelixencia computacional. Dirixiu numerosos proxectos de investigación centrados no desenvolvemento de técnicas e aplicacións nesta área, publicando asemade 170 artigos en revistas internacionais. Forma parte do comité editorial de varias revistas científicas de prestixio, e na actualidade dirixe o grupo de investigación Soft Computing e Sistemas de Información Intelixentes da Universidade de Granada.

PUBLICIDADE