O investigador Fabio Crestani estará este venres en Santiago para falar de recuperación da información

martes, 17 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Fachada do edificio CITIUS da Universidade de Santiago

Fabio Crestani, profesor e investigador en Informática das Universidades de Glasgow (Escocia) e Lugano (Suíza), estará este venres 20 en Compostela para amosar os seus máis recentes achados en optimización de metodoloxías para a busca e recuperación do coñecemento acubillado nas redes. A súa intervención, presentada baixo o epígrafe Information Retrieval in Context, dará comezo ás 12 horas na sala de xuntas do Departamento de Electrónica e Comunicación. A xornada vén da man do CITIUS, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago.
En boa medida, o relatorio centrarase en amosar os baleiros existentes arestora nas consultas de información máis estendidas, que en moitas ocasións non achegan os datos requeridos ou máis indicados, de cara ao que se coñece como Information Retrieval (Recuperación da Información). En base a isto, faise preciso o emprego de datos a priori menos directos, relacionados coa tarefa a levar a cabo, co usuario ou coa interacción específica (datos de localización, historial de procuras, gustos e tendencias do usuario, etc). Estes datos son os que normalmente se coñecen como contexto. Na charla en cuestión, Crestani presentará as direccións que está a tomar a investigación neste eido, amais de traballos concretos do traballo de seu nesta área específica do coñecemento complementario.

PUBLICIDADE