O investigador Andrés Duque retoma este venres no CIA de Ourense o ciclo sobre Intelixencia Artificial

mércores, 7 de abril do 2021 S. P.

Esta semana quen queira mergullarse de pleno nas tecnoloxías que van revolucionar o mundo tal e como o coñecemos (as que converterán as máquinas e os computadores nos instrumentos dun mundo máis conectado, comunicado, eficiente e sustentábel) vai ter unha boa oportunidade de facelo grazas ao Centro de Intelixencia Artificial de Ourense (CIA) e a UNED Ourense, que organizan unha nova sesión do ciclo de relatorios Os Venres con IA, logo da pausa da Semana Santa Desta volta contarase coa presenza do profesor da UNED Andrés Duque, que falará de tradución automática, da súa evolución histórica, das aproximacións actuais e dos desafíos abertos neste eido de investigación.

O investigador nunha conferencia recente sobre sistemas de Intelixencia Artificial

A conferencia poderá seguirse en Youtube desde o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense a partir das 12.00 horas.
O profesor, investigador e doutor Andrés Duque Fernández avanza que a tradución automática foi “sempre una das puntas de lanza da investigación en Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), así como unha das aplicacións máis visíbeis de leste na industria”. Segundo explica, o desenvolvemento de sistemas que transformen fragmentos de texto dun idioma orixe a un idioma obxectivo de maneira automática “é un campo que foi testemuña de primeira liña de todos os grandes avances en PLN desde os anos 40-50”.
Nesta presentación, o profesor Duque Fernández realizará un percorrido pola evolución dos sistemas de tradución automática, desde os primeiros sistemas baseados en regras, pasando polos sistemas estatísticos, até chegar aos modernos modelos neuronais de aprendizaxe profunda (o que se coñece como Deep Learning).
Exploraranse as características máis significativas de cada aproximación, as súas vantaxes e inconvenientes e as súas aplicacións máis coñecidas. Finalmente, analizaranse os desafíos actuais aos que se enfronta o eido da tradución automática, como o emprego do discurso como contexto ampliado, a tradución en idiomas con poucos recursos ou a tradución multimodal, entre outros.
Andrés Duque Fernández é enxeñeiro en Informática (2009) e Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Informática (2010) pola Universidade Carlos III de Madrid. Doutor en Sistemas Intelixentes (2017, Premio Extraordinario de Doutoramento) pola UNED, está especializado en Intelixencia Artificial e Procesamento da Linguaxe Natural (PLN).

PUBLICIDADE