O informe Ardán certifica o pulo innovador das nosas firmas TIC

xoves, 28 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

Presentación do informe celebrada na mañá deste 28 de xullo

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou este xoves o informe económico Ardán deste ano, en palabras da entidade “unha fonda investigación do devir das 17.000 sociedades non financeiras máis relevantes de Galicia (datos de 2014)”. O informe ábrese salientando que o conxunto destas empresas xeraron uns ingresos de explotación de máis de 68.000 millóns de euros e un valor engadido bruto de máis de 15.000 mil millóns. Isto supón un incremento do 5,68% da riqueza en relación ao período previo. En relación ás TIC, tres empresas destes sector volven encabezar a listaxe de empresas innovadoras: EGATEL, Optare e Quobis.
Entre as novidades, sinalar que o monográfico desta edición de Ardán está dedicado ás Industrias Creativas en Galicia. No informe, dez empresarios de referencia no sector opinan sobre a situación actual e perspectivas de futuro do sector. Entre estas firmas atópanse os estudos de comunicación Desoños.
Polo que respecta ao investimento en I+D+i, o estudo certifica unha recuperación. En innovación empresarial, a proporción de empresas innovadoras mantense por enriba do 6% estatal. Da mostra de firmas avaliadas no estudo (505), 36 compañías acadaron o indicador Ardán de empresa innovadora, representando desta maneira un 7,1% do total. Esta clasificación realizouse conforme ao índice de innovación desenvolvido, avaliando o desempeño de cada empresa en cada unha das dimensións clave no proceso innovador. A listaxe de firmas coa devandita etiqueta acreditativa de compañía innovadora está encabezada unha vez máis (e logo de varios anos ocupando a mesma posición) pola empresa tecnolóxico-dixital EGATEL, seguida das tamén tecnolóxicas Optare Solutions (en segundo lugar) e Quobis (no terceiro). Por certo que a maioría das entidades que encabezan a devandita clasificación pertencen aos sistemas produtivos de maquinaria e equipo, información e coñecemento e servizos profesionais.
O informe tamén achega o seguinte dato relativo ás TIC: as empresas galegas sitúanse preto da media estatal en hardware, pero por baixo en utilización de redes sociais e a canle Internet na comercialización.

PUBLICIDADE