O iPhone e o iPad xa poden gozar de xogos de PC dende a nube

xoves, 19 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de mes anunciouse que o servizo de xogo na nube de nVIDIA, GeForce Now, estaba a prepararse para funcionar vía web, o que facilitaría un xeito de sortear as limitacións que impón Apple ao xogo en streaming nos seus dispositivos móbiles, á vez que tamén permitiría o retorno de Fortnite a iOS, o que está a causar moita expectación.
Aínda que confiábase a que FeForce Now chegase ao navegador web de iOS no mes de decembro, permitindo gozar de xogos de PC a usuarios de iPhone e iPad, finalmente este servizo vai máis adiantado do que podía esperarse e xa funciona en probas, permitindo así que dispositivos móbiles poidan correr xogos moi esixentes grazas á computación na nube.
GeForce Now é un servizo de subscrición, que de balde ofrece partidas de até unha hora de duración (o que axuda a facerse unha idea do funcionamento do servizo), podendo contratarse a súa versión avanzada (con gráficos achegados por gráficas RTX e sen limitación de duración das partidas) por 5,49 euros/mes ou por 27,45 euros/medio ano (ou sexa, aforrando 1 mes), o que facilita o acceso a xogos na nube dende PC, macOS, nVIDIA Shield, Andoroid, Chromebook e, en probas, o navegador web Safari na súa versión móbil. Cómpre salientar que en iOS é preciso contar cun mando para xogar, xa que o sistema non é compatible co control mediante teclado e rato tan frecuente en PC, e aínda que existen moitos mandos compatibles con iOS, dende nVIDIA recomendan o Razer Kishi para iPhone (que ten un prezo de 109,99 euros, aínda que pode atoparse a preto de 90 euros).
Esta plataforma de xogo na nube podería parecerse a Google Stadia ou Project xCloud, pero é bastante diferente polo feito de que nin aluga nin vende xogos, tendo que ser os xogos propiedade do usuario para poder executarse, agás no caso dos títulos free-to-play como Fortnite, que poden xogarse libremente. Aínda así son os propios desenvolvedores dos títulos os que teñen que autorizar a súa incorporación a GeForce Now, permiso que algunhas compañías retiraron nos últimos meses, probablemente por pensar que iso limitaba a súa opción para comercializar os seus xogos en plataformas como Stadia.
Non só GeForce Now vai estar dispoñible para iOS a través de Safari, senón que o resto de plataformas semellantes tamén seguirán o mesmo camiño, asegurándose que o lanzamento de Stadia para iOS vía web chegará nas vindeiras semanas.

PUBLICIDADE