O iPad Pro estrea versión con pantalla de 9,7 polgadas

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O iPad Pro pasa a ter versióos de 12,9 e 9,7 polgadas

Para ampliar a familia de tabletas, Apple, en vez de lanzar un iPad Air 3 mellorando a súa tableta de referencia de 9,7 polgadas optou por unhas especificacións máis esixentes, e presentou un novo iPad Pro que, en vez dunha pantalla de 12,9 polgadas, presenta unha pantalla de 9,7 polgadas, e ao ser un dispositivo máis novo, incluso ousaron a incorporar unhas mellores cámaras traseira (pasa de 8 a 12 Mpíxeles, mellora a apertura e incorpora o soporte de Live Photos e gravación de vídeo 4K) e dianteira (pasa de 1,2 a 5 Mpíxeles) aproveitando a ocasión para facer uso de nova tecnoloxía de pantalla, o que supón unha mellora da gama de cor e o que dan en chamar pantalla True Tone (que adapta o ton da pantalla ao ambiente).
Este novo modelo de iPad de 9,7 polgadas, ao apuntar tan alto nas súas especificacións, supón un importante incremento de prezo, situando a barreira de entrada en 679 euros que custa o modelo de 32 GB de capacidade, cando o iPad Air 2 parte dun modelo de 16 GB que custa 429 euros.
O iPad Pro de 9,7 polgadas chegará ao mercado en tres capacidades con ou sen banda larga móbil, que son de 32, 128 e 256 GB a 679, 859 e 1.039 euros respectivamente (aos que hai que engadir 150 euros se queremos un modelo con 4G). Terémolo en España a primeiros de abril en catro cores (fronte ao resto de iPad, o novo modelo tamén contará con versión en ouro rosa, na liña dos iPhone).
Seguindo as liñas do irmán maior, o iPad Pro de 9,7 polgadas tamén poderá empregarse con Apple Pencil e un Smart Keyboard, buscando así aproximarse a usos creativos e de produtividade, xa que aspira a converterse no substituto do ordenador portátil.

A creatividade é un dos eidos polos que aposta Apple co iPad Pro
O Smart Keyboard o iPad Pro pretende converterse nun substituto do portátil

Vídeo de presentación do novo iPad Pro

PUBLICIDADE