O iLiad Book Edition permite tomar notas na súa pantalla táctil

xoves, 8 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos baseados en tecnoloxía E Ink aínda están lonxe de popularizarse coma soporte de lectura, pero iRex renovou o seu iLiad reducindo o seu prezo, mellorando a súa resolución e dándoselle novas prestacións.
O iLiad Book Edition só pesa 430 gramos e ten unha pantalla de 8,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles con 16 niveis de gris que incorpora tecnoloxía táctil, de xeito que se pode empregar para tomar notas, facendo a tecnoloxía de papel electrónico aínda máis semellante ao papel de verdade.
O lector soporta ficheiros PDF, HTML, TXT, Mobipocket, JPG, BMP e PNG, que se poden almacenar na súa memoria interna de 256 Mb ou cargar externamente mediante memorias USB ou tarxetas MMC ou Compact Flash. Tamén serve para a reprodución de audio.
Tamén inclúe un accesorio para conectalo a unha rede Ethernet, de xeito que permitiría a descarga de libros ou a sincronización de fluxos RSS (aínda que sería desexable que fixera tal por Wi-Fi).
Este interesante dispositivo comezará a venderse mañá en Europa a un prezo de 499 euros (150 euros menos que a súa versión anterior) e inclúe de serie 50 libros clásicos precargados.

PUBLICIDADE