O humor e a innovación, nexos comúns das webseries gañadoras do Carballo Interplay

luns, 8 de maio do 2017 Redacción

Tal e como se agardaba, a cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay resultou ser un éxito, pola calidade e a cantidade das obras presentadas, polo público convocado e, tamén, pola importante contribución galega na sección oficial. O certame, que se desenvolveu ao longo de tres días na vila coruñesa, foi ante todo un evento creativo e participativo onde primou, ante todo, a arela de divertir e achegar lecer de calidade. De feito, as comedias foron sen dúbida as protagonistas do palmarés. Outro dos puntos salientábeis desta edición foi o seu carácter de festival de todas e todos: recibiu máis de 140 propostas de todo o mundo.
Respecto das webseries gañadoras, Pesame Street gañou dous galardóns, o de animación e o do público, coa súa resposta á pregunta: Que nos dirían os animais se puidesen falar? Mentres, A todo riesgo acadou os premios de mellor webserie de imaxe real e o de mellor actor, para Miguel Lago Casal. Esta última achega conta a historia de Pedro Germán e Max, que sempre soñaron con ser inspectores de homicidios pero que só conseguiron un traballo como peritos de seguros.
Na categoría de mellor webserie de imaxe real, o xurado integrado polo guionista Rubén Ontiveros, pola guionista e creadora de contidos Isa Calderón, polo director Javi Camino e máis por Javier Trigales (en representación da Asociación Galega de Guionistas) e Giselle Llanio (en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) quixo facer tamén unha mención especial para Te quiero, yo tampoco, unha comedia documental que retrata a relación do director, Miguel Bosch, coa súa parella, Fran.
No que se refire ás importantes contribucións das creadoras e creadores da nosa terra, Teño unha horta en San Sadurniño, conseguiu o galardón de mellor webserie en versión orixinal en galego. Como lembraremos, trátase dun proxecto xurdido para compartir o coñecemento das mulleres maiores do rural galego en relación cos traballos no campo.
Por outra banda, a comedia israelita You’’re the next conquistou o premio á mellor webserie internacional coa súa historia de cinco mulleres na trintena “buscando o seu camiño na vida”. O xurado fixo tamén unha mención especial para a arxentina Si me volviera a enamorar, que se centra no vencello de amizade de tres adultos de arredor de corenta e cinco anos.
A segunda tempada da comedia política El partido, que segundo recorda a organización do Interplay conquistara o ano pasado o premio á mellor webserie de imaxe real, acadou nesta edición o premio CREA á mellor dirección para Álex Rodrigo. Mentres, Hilario Abad e José Luis Bustillo conseguiron o premio AGAG ao mellor guión polo seu traballo en Caniville, que narra as aventuras e desventuras dunha manda de cans. Finalmente, Teresa Cuesta fíxose co premio á mellor actriz polo seu papel en El show de Teresa Cuesta.

Hai vida en Bran?, mellor proxecto de webserie en galego

O xurado composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, decidiron outorgar o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Hai vida en Bran?, creada e protagonizada por Ángela Andrada. Trátase, en palabras dos integrantes do xurado, “dunha webserie que conta a vida de Mariña, unha moza licenciada en belas artes que volve á pequena vila de Bran despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic”. E engadiron: “É unha comedia con pequenas tinturas dramáticas que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto; trátase pois dun proxecto que quere cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos".

PUBLICIDADE