O hackathon da UVigo e Telefónica estrearase en maio en formato virtual

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

O hackathon que a UVigo desenvolve ao abeiro da cátedra Telefónica levarase a cabo este ano en formato virtual, logo de cinco convocatorias presenciais. Será entre o 6 e o 8 de maio cando o Hackathon Virtual, HAVI 2021, reunirá aos equipos formados por entre tres e seis estudantes da UVigo. Os grupos deberán defender os seus respectivos retos para a innovación nesta competición, que ten o obxectivo de fomentar o emprendemento innovador e o traballo en grupo.
Nesta primeira edición virtual do evento, a Universidade de Vigo, a Cátedra Telefónica e o Consello Social apostarán por un formato que reunirá as mesmas condicións básicas có formato presencial pero “nun ámbito puramente virtual”, empregando para tal fin as infraestruturas de teledocencia dispoñíbeis na institución académica.
Ata o 30 de abril estará aberto o período de inscrición para os equipos participantes, que non poderán superar os 20 e que deberán estar formados na súa totalidade por estudantes da UVigo. Cada equipo, que poderá ter entre tres e seis integrantes, deberá rexistrar un reto e nomear un representante. O 6 de maio, día do inicio do evento, os equipos realizarán unha breve presentación dos seus membros e do reto que propoñen. Ao día seguinte desenvolveranse as actividades de cada grupo e o día 8 finalizará o traballo, presentaranse os proxectos e procederase á entrega de premios.
Os mellores proxectos presentados no HAVI 2021 recibirán un primeiro premio de 1000 euros concedido pola Cátedra Telefónica-UVigo; un segundo dotado con 800 euros, concedido pola Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade e un terceiro de 600 euros, tamén outorgado pola Cátedra Telefónica. A estes galardóns súmanse tres premios, cunha dotación de 500 euros, nas categorías Medio Ambiente, Innovación Social e Innovación Sostible.

PUBLICIDADE