O galego recibirá un pulo extra na comunicación dixital do noso fútbol

xoves, 8 de agosto do 2019 Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán, veñen de formalizar un acordo para impulsar a presenza do galego no devandito deporte. Ao abeiro do convenio levaranse a cabo accións concretas para promover a lingua na dita contorna como por exemplo unha xornada de eficiencia na comunicación en galego para o alumnado da escola de adestradores e a realización de material informativo na nosa lingua.
Tamén se porá o foco nas redes sociais: fomentarase o seu emprego nas principais comunidades dixitais, nas páxinas web e nas publicacións dixitais dos clubs adheridos á federación.
O convenio tamén contempla ofrecer asesoramento aos clubs de Terceira División para que coñezan os trámites necesarios para a modificación do nome do club ao galego e a inclusión na Gala do Fútbol Galego de actuacións de artistas galegos e da entrega dun premio á promoción dos valores e da cultura galega.
O investimento para realizar todas estas accións ao longo deste ano ascende a 16.000 euros, dos que a Xunta de Galicia aportará 15.000 euros.

PUBLICIDADE