O galego Marcos Mata elixido presidente do Consello de Colexios Informáticos de Enxeñaría Técnica en Informática de España

mércores, 19 de decembro do 2012 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Marcos Mata, vén de obter un importante recoñecemento estatal ao seu labor e ao da plataforma profesional galega que representa. Máis polo miúdo, é dende o pasado día 15 de decembro (en virtude da Asemblea Xeral celebrada en Madrid), o novo presidente do Consello Xeral de Colexios Informáticos de Enxeñaría Técnica en Informática de España, CONCITI. A xuntanza celebrada o pasado sábado no Salón de Graos da Escola Universitaria de Informática, serviu, entre outras cousas, para que a ata o de agora presidenta, Cristina Pelayo, presentase a súa dimisión. Coa renuncia de Cristina Pelayo a asemblea procedeu a elección dun novo presidente sendo elixido para o cargo Marcos Mata.
Na mesma xuntanza tamén se acordou que José Velasco, ata o de agora vogal do CONCITI, e secretario do Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática da Rexión de Murcia (COITIMUR), pase a ocupar a vicepresidencia do CONCITI, cargo que ata o momento viña desenvolvendo Marcos Mata.
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática ten por obxecto a coordinación e representación conxunta dos Consellos ou Colexios de Enxeñaría Técnica en Informática existentes en España e asume como finalidades de seu as seguintes:
· O pulo ao progreso da Sociedade da Información en España.
· A protección e salvagarda do interese xeral nos ámbitos técnicos da súa competencia.
· A ordenación do exercicio da profesión, así como a representación institucional da mesma.
Perfil de Marcos Mata
Marcos Mata Mansilla (Santiago de Compostela, 1977) é enxeñeiro técnico en Informática pola Facultade de Informática de A Coruña. A súa andaina profesional iniciouna como analista programador pero, xa en 2006, accedeu ao posto de responsable de Proxectos dentro da área de Tecnoloxías da Información na consultora galega Coremain, posto que desenvolve actualmente. A súa inquietude e o seu desexo de colaborar co desenvolvemento e normalización da figura do enxeñeiro técnico en informática o leva a incorporarse, no ano 2009, como vogal da Xunta de Goberno de Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, sendo elixido presidente desta institución tralas eleccións celebradas en xaneiro de 2010. En novembro dese mesmo ano é nomeado vicepresidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica de Informática na súa asemblea constituínte.

PUBLICIDADE