O futuro dos móbiles apunta á creación de redes P2P con chamadas de balde

martes, 11 de setembro do 2007 Matías Olazabal

A empresa sueca TerraNet vén de desenvolver un sistema de conexión P2P para móbiles, o que permite establecer chamadas entre terminais sen a necesidade dunha rede telefónica convencional, achado que podería significar a posibilidade de facer chamadas en zonas sen cobertura, e, amais diso, de balde. O proxecto xa foi lanzado en Ecuador e en Tanzania, zona esta última na que o fundador da empresa, Andrés Carlius, tivo a necesidade de comunicarse cos seus compañeiros durante un safari, a por falta de cobertura non puído facelo, malia atoparse a escasos metros de distancia deles.

Polo de agora, o sistema de TerraNet permite rutear as chamadas (e datos) entre outros teléfonos incorporados á Rede -e compatibles co sistema-, dentro dun radio de un quilómetro, pero, á súa vez, os terminais poden ir formando unha cadea entre si, aumentando de xeito significativo o alcance do sistema no caso de que se encadeasen múltiples teléfonos.

O gran desafío ó que a compañía se está a enfrontar agora é o de contar con radiofrecuencias ceibes abondas para poder espallar a rede de usurarios e convencer ás grandes compañías de incorporar este sistema ós seus terminais, algo que non causa maior interese nas mesmas. Até o de agora, só Ericsson ofrece compatibilidade co sistema nalgúns modelos específicos.

PUBLICIDADE