O fundador da Wikipedia prepara un medio dixital rigoroso e transparente

martes, 25 de abril do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses a preocupación pola distribución na Rede de novas falsas medrou até converterse nun dos grandes problemas actuais da Internet, e para loitar contra esta praga o fundador da Wikipedia, Jimmy Wales, vén de lanzar Wikitribune, unha páxina web independente que aspira a converterse nunha plataforma que xunte a xornalistas e a unha comunidade de voluntarios para que os lectores poidan ler artigos baseados en feitos e que poidan verificarse dun xeito doado.
Wales sostén que a natureza actual das novas corrompeuse, e propón unha solución baseada no control da comunidade, na que a información sexa precisa e con evidencias reais que poidan contrastarse, e para facer realidade Wikitribune está a emprender unha campaña de micromecenado a través da que aceptan achegas puntuais ou periódicas, para pode facer así viable un novo medio no que estean dispoñibles as fontes das novas, o acceso sexa de balde e estea libre de publicidade, a comunidade e os xornalistas estarán ao mesmo nivel e o seu financiamento sexa transparente.
Estamos ante unha proposta que, aínda que pareza ter moi boas intencións e procure trasladar o espírito da Wikipedia (no que se refire á contribución da comunidade), non parece ser nada novo, xa que os medios financiados de xeito colaborativo en aras da independencia é algo bastante frecuente, e o feito de que esteamos a falar dun medio que como obxectivo ten a contratación de 10 xornalistas tampouco dá a entender que poida chegar a conseguir un volume de información que poida darlle relevancia (especialmente de cara a eclipsar as novas falsas ou pouco rigorosas que se consumen e comparten con profusión actualmente).

PUBLICIDADE