O filme galego A illa das mentiras estréase na plataforma Filmin o 24 de xullo

venres, 26 de xuño do 2020 Sonia Pena

A plataforma Filmin.es, a canle online máis prestixiosa do cinema independente de cantas teñen presenza no ámbito estatal, vai acoller a estrea do filme galego A illa das mentiras, ópera prima de Paula Cons. Será o próximo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia. A longametraxe estará dispoñíbel en Filmin.es para alugar e tamén por subscrición sen custo adicional para os subscritores. Como lembraremos, a película ten como marco de fondo a illa de Sálvora e o afundimento do buque Santa Isabel fronte ás súas costas no ano 1921.
A illa das mentiras foi co-escrita por Paula Cons e Luis Marías e está protagonizada pola actriz compostelá Nerea Barros, Dario Grandinetti e Aitor Luna. Completan o reparto as galegas Victoria Teijeiro e Ana Oca.
O afundimento do buque Santa Isabel é o punto de partida dun thriller onde, segundo fan saber os guionistas, o máis interesante “non é o naufraxio en si mesmo”, se non as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar como o da illa de Sálvora. Tamén é unha homenaxe ás 3 mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.
Polo que respecta a Filmin, é unha plataforma con máis dunha década de traxectoria, consolidada a día de hoxe como a principal plataforma dixital de cine independente en España, con presenza noutros territorios (México, Portugal) e con relevantes acordos con xigantes do ámbito tecnolóxico como Vodafone e Huawei.

Tráiler do filme

PUBLICIDADE