O exceso de novas tecnoloxías impide a transmisión de xogos populares, segundo un estudo
luns, 25 de novembro do 2013
O exceso de novas tecnoloxías, tantos aparellos e
aplicacións dispoñíbeis, van moi en detrimento da supervivencia da
tradición lúdica. Ou sexa, que non axudan nada, máis o contrario,
á hora de garantir a herdanza interxeracional -dos maiores aos novos
cativos- de todo o que ten que ver cos xogos tradicionais galegos.
Así
nolo recorda a investigadora galega Marta Álvarez Fernández, no seu
proxecto final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na
Natureza (DAEN), o estudo Os
xogos e actividades tradicionais de ocio na natureza como reflexo da
sociedade. Porén,
cómpre lembrar que na súa investigación sinálanse máis
culpábeis: a caída de natalidade ou o progresivo
despoboamento das nosas áreas rurais. Resultado: córtanse os fíos
de aprendizaxe que até hai ben pouco unían comunicativamente a avós
e pais cos seus netos e fillos.
Segundo sinala esta investigadora de Xove no seu
traballo (centrado na supervivencia dos xogos populares na Mariña
luguesa e que lle mereceu ser distinguida co Premio Extraordinario da
segunda promoción do devandito máster impartido na Facultade de
Formación do Profesorado do campus de Lugo), moitos dos xogos
populares cos que se divertían os devanceiros da súa contorna de
orixe xa están esquecidos ou, cando menos, non son coñecidos polos
máis cativos/as nin incluso polos seus proxenitores. Asemade, o
esvaecemento desta tradición tamén propiciou a perda do léxico
empregado para referirse a este tipo de xogos na comarca de
referencia.
Ao seu xuízo, o emprego a esgalla, sen supervisión
e sen límite, de novos aparellos tecnolóxicos e aplicacións
diversas está a estender unha salientábel pegada de homoxeneización
entre os escolares de máis idade, cuxas formas de lecer están xa
estandarizadas en todas partes.