O estudo galego Moonbite presentou o seu xogo Zombeer en Mundos Dixitais

luns, 9 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente rematou Mundos Dixitais, con menos ruído que outros anos (cousas dos tempos enleados, económica e orzamentariamente, nos que vivimos), pero cunha boa ristra de proxectos galegos, estatais e internacionais amosando unha clara vontade de marcar diferenzas con calquera cousa vista, sexa na ficción ou na realidade. Foi o caso de The Chase, a peza que se levou o premio á mellor curta de animación (unha obra de Philippe Gamer, que se centra basicamente nunha persecución polas rúas dunha cidade e que, segundo o xurado, salienta pola súa “factura visual”). A parte de The Chase, e con orixe máis próxima a nós, tamén brillou en Mundos Dixitais o xogo Zombeer, dos estudos galegos Moonbite.
O certame celebrouse ao longo da semana pasada na Coruña, no Centro Sociocultural Novacaixagalicia, acubillando ao longo de varios días de presentacións, proxeccións e relatorios (e finalmente, premios) a representantes tan senlleiros das novas realidades e dos efectos especiais como Scott Ross, que recibiu a mención especial do evento. Amais de The Chase, recoñeceuse na recta final do certame á peza Fuga, que foi galardoada como mellor curta nacional, e máis a De riz ou d’’armenie, premio do xurado.
Como dixemos, Moonbite tamén brillou con luz propia. O estudo independente galego, con sede principal en Santiago, presentou o seu videoxogo Zombeer, Zombies&Beer, unha proposta de acción e humor negro deseñada para o mercado internacional e con potencial multiplataforma. O xogo, cuxos vídeos promocionais tiveron un éxito sen precedentes en países como China, narra o que acontece logo dunha festa universitaria, da que K, o protagonista, esperta cunha marca de dentes no brazo. A súa misión será atopar á súa noiva, e como é de agardar tendo en conta o que pode significar a trabada (implicacións de todo tipo, pero non precisamente acougantes), non lle será nada doado. O xogo, que está previsto chegue ao mercado na recta final deste 2012, non foi a única achega presentada por Moonbite. Tal e como dixemos dende esta mesma web, a empresa amosou de xeito conxunto con Gradiant un conto emocional para trebellos móbiles baseado no recoñecemento dos xestos faciais das lectoras e lectores.


Último vídeo promocional de Zombeer

PUBLICIDADE