Diego Giráldez acompaña o seu primeiro libro de relatos cun pioneiro booktrailer en realidade virtual

martes, 31 de maio do 2016 Redacción

A editorial Xerais vén de lanzar na Rede o que sería, nas súas palabras, o primeiro booktrailer galego realizado en realidade virtual. Trátase, máis polo miúdo, do adianto que serve de soporte de mercadotecnia ao libro Galería de saldos, do escritor Diego Giráldez. A peza promocional foi dirixida por Antón Veiga e realizada por Mon Moares. Segundo avanzan Xerais e máis o autor, grazas ao vídeo o público poderá mergullarse nunha galería de arte virtual onde visitar e descubrir as ilustracións que acompañan os diferentes relatos do libro.
As ilustracións veñen da man do deseñador Iago Sánchez Losada. A portada, que tamén figura no booktrailer, é obra do ilustrador Antonio Seijas. Como toda boa experiencia de inmersión, a peza permítenos velo todo en 360 graos. “En pantallas”, engádese, “o espectador poderá mover a visión co rato ou empregando o dedo en soportes táctiles”. Porén, será nos dispositivos intelixentes de “última xeración” onde o booktrailer dea o mellor de si. Por que? Pois porque posibilita a “inmersión total” a través da tecnoloxía do headtracking e os elementos de emprazamento espacial dos terminais. Segundo nos conta a editorial, “a combinación con soportes que convertan os teléfonos en cascos de realidade virtual é o último paso na experiencia de visitar esta galería virtual”.
Galería de saldos, editado por Xerais, é o primeiro traballo literario do escritor e xornalista Diego Giráldez. O libro é unha escolma de relatos curtos nos que “personaxes moi apegados a actualidade se mesturan con obras de arte orixinais ou reproducións baratas”. Estará nas librarías o vindeiro 9 de xuño.

O innovador booktrailer en 360 graos

PUBLICIDADE