O escáner 3D do HP Sprout Pro poderase mercar como accesorio

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

En 2014 HP sorprendeu ao mundo co seu ordenador todo-en-un Sprout, que integraba un proxector e un escáner 3D, para en 2016 renovalo como HP Sprout Pro, buscando principalmente achegalo a contornos educativos, onde o seu potencial sería enorme, especialmente de cara ao desenvolvemento de novas competencias onde as 3D toman cada vez unha maior relevancia.
Pero ter que mercar un ordenador de alta gama para gozar simplemente dun escáner tridimensional pode parecer excesivo, e por iso co gallo do CES de Las Vegas desvelan que están a preparar unha versión desta cámara como accesorio independente, de xeito que poderá conectarse a case calquera monitor que sexa plano pola súa parte traseira e así poder empregar este scanner 3D para capturar obxectos do mundo real para introducilos en proxectos 3D ou de realidade virtual.
Esta cámara tamén podería empregarse para capturar documentos 2D e, aínda que carece do proxector do HP Sprout Pro, para moitos usuarios será unha magnífica solución para facilitar a dixitalización de obxectos no escritorio, aínda que polo momento é difícil ponderar se é unha boa adquisición por descoñecerse o prezo e a data de lanzamento do produto.

Como accesorio independente a cámara 3D de HP poderá conectarse a practicamente calquera monitor do mercado

PUBLICIDADE