O equipo galego GCode Robotics gaña dous galardóns no desafío ASTIChallenge

luns, 8 de abril do 2019 Redacción

Finalmente, o equipo GCode Robotics da Universidade de Vigo (Escola de Enxeñaría Industrial) acadou dous recoñecementos no desafío de robótica móbil ASTIChallenge, unha competición de balde centrada en impulsar novos xeitos libres, argalleiros e participativos de traballar e desenvolver enxeños. A fase final celebrouse en Burgos, nunha proba na que o equipo galego mediuse con outros 14 finalistas de universidades e centros de FP superior.
Os estudantes da EEI da UVigo (David Fernández, Fernando Flores, Miguel Salvatierra, Ánxel Fragueiro e Marcos Dalmeida) acadaron o premio ao mellor robot na loita de duelo e o premio ao equipo de maior social media con Bumblebee, un pequeno robot baseado en tecnoloxía open-source cuxo código e deseños 3D serán publicados na plataforma GitHub.
Bumblebee, que conta con catro sensores infravermellos de distancia e unha matriz de oito sensores de contraste, ademais de antenas de radiofrecuencia para as comunicacións coa contorna e un acelerómetro e xiroscopio, foi impreso en 3D e para o control empregaron unha placa Arduino Nano, cun microcontrolador ATMega328.
Os integrantes do equipo da Universidade de Vigo fan unha valoración moi positiva da súa participación e dos galardóns acadados na competición, que ten como obxectivo desenvolver o talento STEM e empoderar a nova xeración de líderes no eido da robótica móbil colaborativa. “Na final había nivel. Había robots que levaban o seu propio chip, a súa placa controladora integrada sen fíos, de feito, o que gañou levaba un PCD perfectamente deseñado”, explica David Fernández, que tamén apunta que, fronte ao seu robot “con cables, outros conectábanse por bluetooth e xa cargaban os programas desde aí. Pero iso non nos impediu acertar coa clave para gañar”.
Na fase final do ASTIChallenge 2019 participaron ademais dos 15 equipos na modalidade de universidade e FP superior, outras 51 formacións con integrantes de institutos e ciclos medios de FP de toda España.
Segundo fixeron saber os integrantes do grupo nos días previos, a ASTIChallenge é unha competición na que se reta aos grupos de desenvolvedores a construír e programar un robot para que realice diversas probas, como moverse por unha mini-fábrica carrexando un palé de maneira autónoma e comunicándose sen fíos coa súa contorna. O equipo vigués engadiu que a través deste tipo de desafíos, as alumnas e alumnos participantes traballan competencias das áreas de tecnoloxía, programación e robótica, mellorando as súas habilidades na xestión de proxectos, o emprendemento, a innovación e a creatividade. A iniciativa vén da man da empresa ASTI Mobile Robotics.

PUBLICIDADE