O encontro inaugural en Balaídos estreou as experiencias futboleiras de Realidade Aumentada con smartphones

mércores, 21 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O partido deste sábado entre o Real Madrid e o Real Club Celta, que significou o comezo de LaLiga Santander 2019-2020, foi o primeiro da historia en ofrecer unha experiencia de Realidade Aumentada para smartphone nun estadio. Así o deron a coñecer a operadora Orange, o buscador Google e máis a firma TIC Wildbytes, que engadiron que na iniciativa participaron máis de 23 mil seareiros, vivindo de pleno o transcurso do partido en cadanseu teléfono intelixente. “Foi unha experiencia de RA sincronizada nunca vista antes e combinando espectáculo e fútbol”, informaron.
A cita foi en Balaídos. Durante o descanso do partido, un mestre de cerimonias interactuou co Asistente de Google de maneira que os afeccionados que tiñan instalada a aplicación Misión Celta, desenvolvida pola axencia Wildbytes, asistisen á experiencia de Realidade Aumentada nos seus dispositivos e nas pantallas do propio estadio.
En termos concretos, a iniciativa consistiu en permitirlles ver como “cobraba vida un titán do fútbol”, un xigantesco xogador virtual que combinou a descarga de lóstregos no campo coa habilidade co balón (uns toques e unha chilena coa pelota que a levou directamente á pantalla de cada seareiro).
A posta en escena de Orange e Asistente de Google en Balaídos responde ao seu obxectivo conxunto de involucrar aos espectadores na campaña Os que saben de fútbol elixen Orange TV, posta en marcha este 5 de agosto. Trátase dunha oferta-promoción de Orange para o inicio de tempada que permite gozar gratis de todo o fútbol (LaLiga Santander, LaLiga SmartBank, UEFA Champions League e UEFA Europa League) aos clientes das súas tarifas de maior valor. Pola súa banda, Google anima aos usuarios a gozar de todas as posibilidades que brinda o seu asistente.
Quen queira ver de preto en que consistiu a experiencia de Balaídos pode facelo a través dun vídeo específico subido polas empresas responsábeis do acontecemento.

PUBLICIDADE