O empresariado de Boiro mergúllase nas posibilidades competitivas da robótica e a realidade aumentada

xoves, 14 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A ABE segue na súa escala ascendente de introducir na vangarda tecnolóxica (novas maneiras de xestionar, de promover, de vender, de distribuír, de comunicarse, etc) ás empresarias e empresarios de Boiro. Se os días pasados falamos da formación en tecnoloxías de 40 integrantes da asociación e, tamén, das actividades de divulgación para habilitar nos establecementos locais o tícket dixital, hoxe a sede da ABE púxose ao tanto de todo o relacionado coa chamada Cuarta Revolución Industrial. Falamos da xornada Industria e Empresa 4.0, As claves da empresa intelixente, que se celebra este xoves da man do Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración co IGAPE, a Asociación para Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia.
O obxectivo de todas estas entidades foi informar ao detalle da “auténtica revolución que está a experimentar o sector empresarial”, e de como este punto de inflexión mudará para sempre os modelos de negocio, a maneira de producir e ofertar produtos así como as metodoloxías adoptadas para dirixirse ao cliente. En termos máis concretos, na sesión abordáronse as claves da industria intelixente que se presenta “imprescindíbel para mellorar a competitividade empresarial en Galicia”, explicaron as ditas entidades, dándolle voz en Boiro aos responsábeis de tres empresas de “alto impacto tecnolóxico” que expuxeron cadansúas experiencias ao abeiro da transformación tecnolóxica das empresas. Estas empresas foron Rysia 3D, Robotplus e Këndra.
Respecto do desenvolvemento do acto en si mesmo, tralas introducións institucionais a cargo do IGAPE e do presidente da ABE, Daniel García, foi a quenda das devanditas empresas; en primeiro lugar Aitor Fernandez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Robotplus, que amosou o funcionamento e programación que vai detrás do robot articulado que ten múltiples aplicacións industriais. En segundo lugar interveu Javier Davila, director executivo (CEO) de Këndra, quen mostrou os últimos avances en Realidade Aumentada e virtual cunha demostración práctica da tecnoloxía que neste intre está a desenvolver para Apple. Para finalizar Lucía Miguez, fundadora e CEO de Rysia 3D, referente pioneiro galego en Impresión 3D, explicou o funcionamento, características e principais utilidades da devandita técnica en varias das súas modalidades.

PUBLICIDADE