O emprendemento feminino e a sustentabilidade, grandes protagonistas de Pont-Up Store 2019

venres, 20 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 157.8 KB
Participantes na inauguración celebrada hoxe na carpa da praza de España en Pontevedra

Hoxe inaugurouse a sexta edición da Pont-Up Store, escaparate mundial do emprendemento galego e mostra referencial de achados e propostas innovadoras de noso. Na apertura das actividades, en plena praza de España de Pontevedra, o director da feira, Pedro Figueroa, lembrou a importancia da sustentabilidade como piar temático fundamental dos proxectos exhibidos este ano e recordou a presenza salientábel das mulleres á fronte das diversas iniciativas seleccionadas neste edición: o 66% das mesmas (case medio cento) están impulsadas por mulleres. Pont-Up Store vén da man do Campus CREA (UVigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal.
Respecto de outras novidades relativas a esta sexta edición, Figueroa tamén destacou a relevancia do rural nos proxectos achegados (case a metade dos mesmos procedendo das vilas e das aldeas). No acto tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen enxalzou o gran potencial da feira para contribuír “á creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores”. Na súa intervención, Reigosa lembrou como nun momento “no que a nosa xuventude ten moitas veces que emigrar para buscar un futuro económico mellor e no que temos unha caída demográfica preocupante”, a universidade pública, “como institución inserida na sociedade”, aspira a que Galicia sexa “un lugar mellor para vivir, agarimoso co medio ambiente, igualitario”.
O acto de apertura contou tamén coa presenza activa do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e das vicerreitoras de Transferencia, María Consuelo Pérez, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como de representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran co evento. “O Pont-Up Store é xa un referente, dentro e fóra de Pontevedra”, salientou o tenente de alcalde, Tino Fernández, nun acto no que o deputado provincial Gregorio Luís Agís, destacou que esta iniciativa “tense convertido nun evento fundamental para o emprendemento en Galicia”, e no que tamén interveu o presidente de AEMPE, José María Corujo, en representación dos diferentes patrocinadores.
Un escaparate para as novas empresas
Produtos orientados a reducir os residuos plásticos, moda sustentábel, mobiliario artesanal realizado a partires de materiais recuperados, motocicletas eléctricas ou zapatillas veganas son algunhas das propostas que os emprendedores e emprendedoras presentan á cidadanía nun recinto no que tamén contan cun espazo a Área de Captación de Alumnado da Universidade e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Un espazo no que tamén están presentes proxectos empresariais xurdidos nas aulas, como a spin-off da Universidade MycoaGalicia Plantae, que centra a súa actividade “en dar a coñecer os recursos micolóxicos dos montes galegos”, e que foi impulsado polas/os tituladas/os en Bioloxía María Cabaleiro, Andrés Cordeiro, Paula Estévez e Hugo Fernández, impulsores desta empresa xunto coa profesora Marisa Castro.
46 exemplos da “xente valente”
O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que están dando a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contan cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participan, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenden os seus proxectos diante dos e ás responsábeis de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo, como dixemos, no medio ambiente e na sustentabilidade.
Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos
Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital.
Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio.
Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

PUBLICIDADE