O dominio .tv podería desaparecer se a illa de Tuvalu queda baixo as augas

luns, 25 de agosto do 2008 Raquel Noya

Semella que os efectos do cambio climático van máis alá do que podíamos imaxinar nun primeiro momento xa que nin os dominios da Rede se libran das súas temidas consecuencias máis inmediatas.
Segundo veñen de informar en ADN.es, o dominio natural en Internet da illa de Tuvalu, a extensión .tv, podería desaparecer se o popular territorio chega a quedar fundido debaixo das augas (tal e como agardan os científicos debido ás consecuencias do cambio climático no Océano Pacífico).
De ser así, o popular dominio .tv, altamente cotizado entre os servidores de contidos de vídeo e televisión, tería que ser estudiado e avaliado pola entidade que xestiona os dominios de Internet, o ICANN, tal e como sucedeu noutras ocasións cando diversos Estados desapareceron por causas políticas ou mudaron de nome.
Segundo informan en ADN, o ICANN, xa se enfrontou noutras ocasións á desaparición de Estados por causas políticas, tal e como sucedeu co dominio .su da extinta Unión Soviética que aínda segue a existir pese a que as entidades rusas teñen asignado unicamente o .ru, ou con dominios como o .cs da antiga Checoslovaquia, agora dividida na República Checa e Eslovaquia ou o do antigo Zaire (.zr), agora coñecido como República Democrática do Congo, que tiveron menos sorte e foron sustituídos por dominios novos.
Esta illa, que leva dende o ano 1998 obtendo beneficios pola venda do seu dominio que lembra ó xeito de abreviar a palabra televisión, podería, a lo menos, deixar pegada na Rede, no caso de que o ICANN así o decida, e seguir incrementando a súa renta per cápita nunha posible comunidade virtual.

PUBLICIDADE