O documental sobre unha broma de Wismichu chegará aos cines galegos

luns, 11 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Ismael Prego, creador de contidos coruñés coñecido popularmente como Wismichu, que acumula en YouTube máis de 8,3 millóns de subscritores, creou un grande rebumbio o outono pasado coa estrea do seu filme Bocadillo no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, que basicamente era unha broma na que unhas poucas liñas de diálogo repetíanse ao longo dos 80 minutos que duraba a produción, para desesperación dos espectadores.
Con este experimento Wismichu conseguira moita atención mediática, co que quería expor o inxusto que resulta a facilitade coa que certas figuras coma el poden conseguir captar a atención dos medios de comunicación mentres que outros creadores teñen serios problemas para que os focos se dirixan ás súas obras.
E para que Bocadillo non quedase nunha simple anécdota, Prego xuntou forzas con Carlo Padial e Carlos de Diego para producir unha película documental, Vosotros Sois Mi Película, na que narran o fenómeno que foi a suposta primeira película de Wismichu, e que desta volta terán máis doado chegar a un público amplo e ir máis aló dunha broma, xa que a nova produción estrearase o sábado 16 ás 15:45 horas no Teatro Cervantes, estrea enmarcada no Festival de Málaga, e que tamén contará cun par de pases máis no Cine Albéniz.
Os galegos que queiran gozar do documental que narra o proceso de creación de Bocadillo e a súa repercusión poderán acudir tamén as pases nas salas de Vigo e A Coruña de Yelmo Cines, cadea, que exhibirá o documental en pantalla grande o 22 de marzo ás 20:00 horas.
En calquera caso, Vosotros Sois Mi Película poderá verse en liña a partires do 31 de marzo, data na que o documental será estreado por Flooxer, plataforma dixital de Atresmedia que dende hai anos fai unha forte aposta polos youtubeiros españois.

Tráiler de Vosotros Sois Mi Película

PUBLICIDADE