O dispositivo vigués Safe Door, incluído entre os produtos TIC máis seguros de España

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías feitas na nosa terra seguen a colleitar éxitos aquí e acolá. Por exemplo a tecnoloxía Safe Door, un dispositivo desenvolvido en Vigo que vén de ser catalogado entre os produtos TIC máis seguros de España. De feito, foi quen de acadar a acreditación LINCE que outorga o Centro Criptológico Nacional (CCN), o que supón a súa inclusión no prestixioso catálogo CPSTIC. Trátase, máis en detalle, dun recurso representativo do que se pode encadrar entre o máis avanzado do ámbito actual da ciberseguridade. En termos concretos, protexe ás organizacións dos tres tipo tipos de ataques que poden vir a través das memorias USB: hardware (BadUSB), eléctrico (USBKiller) e software (malware). Safe Door é unha tecnoloxía desenvolvida pola empresa galega authUSB.
Por certo que a devandita clasificación CPSTIC consiste nun catálogo de produtos cualificados que cumpren os requisitos esixidos para o seu emprego en sistemas afectados polo Esquema Nacional de Seguridade tales como organismos públicos, infraestruturas críticas (hospitais, aeroportos, infraestruturas enerxéticas e sector industrial, entre outros), en calquera das súas categorías.
Safe Door obtivo a clasificación alta para o Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que indica que é “un produto de total confianza” e que “cumpre cos máximos estándares de seguridade e cualificación”.
O equipo de authUSB conformado por Estefanía Soto, directora executiva (CEO); Jorge Vega, CTO; e María Cobas, directora comercial, mostrouse moi satisfeito desta certificación: “O catálogo inclúe 21 empresas, e agás a nosa empresa, son todas grandes multinacionais”, sinalan, engadindo que para authUSB é “un gran logro e o resultado do esforzo de todo o equipo, estamos moi orgullosos de que esta solución, desenvolvida integramente no seo da nosa empresa, chegase até aquí”. Segundo opinan, “coa entrada no catálogo vemos recompensado todo o esforzo e bríndanos grandes oportunidades, así como posíbeis alianzas e sinerxías con socios e integradores”, apunta Estefanía Soto.
Pola súa banda, María Cobas pon o foco no candente ámbito da protección dos datos: “As organizacións teñen que concienciar aos seus equipos e pór medios para evitar riscos que poden derivar en perdas económicas ou fugas de información; igual que non abrimos un correo que non sexa de confianza, non debemos conectar directamente ao noso equipo un dispositivo de almacenamento USB que nos atopemos ou que se usou noutros computadores... O risco non merece a pena”.
Cobas lembra que Safe Door é unha solución multiplataforma, que non necesita instalación e que está indicada, entre outros, para organismos públicos, infraestruturas críticas, sector industrial e organizacións privadas.

PUBLICIDADE