O director do Igape destacou os logros da empresa de transformación dixital Docuten

xoves, 6 de maio do 2021 Redacción

JPEG - 178 KB
Equipo de Docuten na Coruña

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou esta mañá a empresa Docuten na Coruña, onde puxo de manifesto o compromiso da Xunta co apoio aos investimentos das pemes en innovación tecnolóxica e a mellora da súa presenza nos mercados exteriores a partir de ferramentas dixitais que garanten a mellora da competitividade e o avance na internacionalización dos produtos e servizos.
Guldrís indicou que o esforzo desta empresa TIC, de desenvolvemento de software e consultora informática, para ofrecer servizos e produtos avanzados que faciliten a transformación dixital doutras compañías explica os logros acadados nos últimos exercicios nos resultados de facturación e exportacións, que en 2020 supuxeron un incremento en máis dun 53% do total das súas vendas e en máis dun 360% das súas exportacións.
Neste sentido, o director do Igape puido comprobar nas instalacións de Docuten (que iniciou a súa actividade en 2010 e emprega a 30 persoas) os avances que está a realizar co obxectivo de converter os seus clientes en empresas sen papel, a través da dixitalización dos procesos administrativos empresariais. A empresa coruñesa participou nos últimos anos nos programas IFI Innova e Galicia Exporta Dixital da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, activados co obxectivo de impulsar iniciativas que permiten avanzar na transformación dixital dos distintos sectores produtivos de Galicia.
Así, co apoio dos instrumentos financeiros innovadores (IFI) destinados a achegar financiamento para o desenvolvemento de proxectos innovadores, a empresa coruñesa adecuou aos estándares europeos a plataforma de facturación que pon á disposición dos seus clientes, o que facilita as operacións noutros mercados. Ademais, as axudas achegadas na convocatoria de 2020 do Galicia Exporta Dixital facilitarán que Docuten avance no seu marketing dixital internacional, enfocando o seu modelo de éxito no ámbito nacional cara a mercados exteriores.

PUBLICIDADE