O director do IGAPE ve a transferencia tecnolóxica como chave da Industria 4.0

martes, 13 de decembro do 2016 Redacción

Innovar é aforrar. Incentivos para a I+D+i na nova contorna económica é unha xornada técnica organizada esta mañá pola APD en colaboración coa F. Iniciativas, e durante a súa aperta o director do IGAPE, Javier Aguilera salientou que a innovación continua e a transferencia de tecnoloxía son as principais claves para asegurar a mellora da competitividade no ámbito da Industria 4.0 que promove a Xunta de Galicia a través da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, precisamente para apoiar a incorporación ás empresas das novas tecnoloxías.
Ademais de mencionar axudas como as destinadas a promover proxectos Fábrica 4.0 nas 38 empresas beneficiarias da primeira convocatoria, o director do IGAPE destacou que, a través do programa ReAcciona TIC, as PEME galegas poderán acceder a información e asesoramento sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a Industria 4.0. Impulsado conxuntamente polo IGAPE e a AMTEGA, o programa está aberto á presentación de solicitudes para facilitarlles ás empresas beneficiarias a incorporación de competencias e novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade futura.
O ReAcciona TIC inclúe servizos para establecer novas fórmulas de produción e para impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Deste xeito, engadiu Aguilera, as PEME poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade.
A xornada Innovar é aforrar incluíu o desenvolvemento de dúas mesas redondas nas que participaron representantes do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e da Axencia Estatal de Administración Tributaria; da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); profesionais expertos en fiscalidade e financiamento de proxectos de I+D+i; e representantes de empresas como Castrosúa, Televés, Clesa ou Sivsa.

PUBLICIDADE