O director de Plain Concepts fala este venres das moitas razóns para facérmonos empresarios TIC
xoves, 21 de marzo do 2013- Pablo Peláez, director de Plain Concepts
O
director de Plain Concepts,
Pablo Peláez, estará este venres 22 no centro CiTIUS,
da Universidade de Santiago para falar da
realidade do emprendemento “dende unha perspectiva
práctica e desenfadada”,
segundo
informa a USC. A charla, nova sesión do laboratorio EmprendeLab,
desenvólvese baixo un epígrafe que informa ás claras deste
obxectivo creativo e orixinal da xornada: Mamá, quero ser
emprendedor! Pero fillo, non será mellor ser funcionario?.
Polo tanto, que ninguén se
estrañe se se botan abaixo uns cantos tópicos sobre o que vén
sendo o futuro profesional máis conveniente, cousa da que pais e
nais gábanse de saber moito, para a nosa mocidade. Pablo Peláez
asumirá este labor incorrecto lanzando
unhas cantas mensaxes para os futuros empresarios TIC, que pode que
non cheguen ao nivel de Mark
Zuckerberg ou Bill Gates,
pero terán algo en común con eles: “polo menos
tentárono”.
Lembrar que Plain
Concepts é unha compañía española con preto de 60 empregados,
dispón de oficinas en Seattle, Madrid e Bilbao, e está
especializada en áreas como tecnoloxías Microsoft, computación na
nube (cloud computing), arquitectura software, consultoría,
mecenado (mentoring) ou formación -entre outras. En palabras
da USC, “a conferencia pretende formular con certas doses
de humor o que realmente significa apostar polo emprendemento,
desmontando os clixés asociados á figura do emprendedor que non
adoitan corresponderse coa realidade; conceptos coma «diñeiro»,
«fama» ou «poder», darán lugar a outros máis realistas, como as
dificultades cotiás ou o medo ao fracaso”.