O director de Atresmedia Dixital fala en Pontevedra das múltiples novas faces da TV

xoves, 21 de abril do 2016 Redacción

Co motivo da celebración da Semana da Creatividade e da Innovación o director xeral de Atresmedia Dixital (propietario de canles como La Sexta ou Antena 3), José Manuel González, levou a cabo onte un relatorio na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra. Nesta xornada abranguéronse temas como a difusión dos contidos televisivos a través de plataformas dixitais, que para o grupo Atresmedia supón arestora do 15% ao 20% da audiencia total dalgunhas das súas series ou programas. “O consumo deste tipo de produtos a través de Internet nos días seguintes á súa emisión é cada vez maior e o labor que temos as televisións é explotar eses contidos e ese consumo dun xeito semellante a como se fai na televisión tradicional”, salienta o director xeral da área dixital deste grupo audiovisual.
Outro dos aspectos a tratar nesta conferencia, inserida na Semana da Creatividade e da Innovación, foi o rol decisivo que xogan os teléfonos móbiles e as tabletas neste senso, pois nos últimos anos estes trebellos pasaron a ser xanelas importantísimas para a difusión de contidos audiovisuais alén do televisor, como lembrou González Pacheco, que apuntou que a porcentaxe de programas do grupo vistos a través de internet con este tipo de dispositivos “pasou de ser dun 5% hai tres anos a preto do 60%”. E se a isto se engade “que as televisións conectadas a internet teñen cada vez unha meirande penetración nos fogares”, o resultado final é que este “consumo diferido seguirá a medrar de maneira relevante”.
Atendendo a este novo xeito de consumir televisión, cómpre “anticiparse e ver as tendencias e a evolución que hai nesta industria noutros mercados”, como podería ser o estadounidense, apuntou González Pacheco que incidiu na importancia de sermos quen de rendibilizar este novo xeito de consumo televisivo.
Porén, non é preciso crear alarmas pois “o medio tradicional segue sendo moi importante”, como recoñeceu o responsábel de Atresmedia, que defende que as novas xanelas para a difusión de contidos non están a supor unha canibalización da televisión tradicional, senón que pola contra “axudan a fidelizar á audiencia”. Nese senso, González Pacheco salientou que “hai moitos exemplos que temos medidos de usuarios das nosas series e programas que as consumen deste xeito porque no intre da emisión non poden velos, polo que non restan audiencia, senón que a suman”, motivo polo que salientou que estas novas ventás están a contribuír “a que sexa maior a porcentaxe de público que consume máis televisión e máis contidos”.
Asemade, tamén no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación, a Casa das Campás acollía na tarde de onte un relatorio do responsábel de proxectos de innovación de Inditex, David Alayón. No relatorio, titulado Tecnocreatividade, claves para entender e vivir o renacemento dixital, este experto afondou nos cambios políticos, económicos, sociais e culturais xerados nos últimos tempos cun denominador común, a tecnoloxía.
E xa volvendo ao presente, hoxe ás 11:00 h o campus de Vigo acollía outro relatorio titulado Un cubo de realidade ampliada no ensino da combustión, impartido na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte por Ana de Echave, profesora da Universidade de Zaragoza.
Facendo dobrete, Echave participará no encontro que dará comezo ás 18:00 horas na Casa das Campás, e no que diferentes profesores do campus exporán experiencias docentes e proxectos desenvolvidos co alumnado e que se completará cunha charla desta investigadora sobre como fomentar a creatividade coa realidade aumentada.
De seguido, na tarde de hoxe (ás 20:30 horas) a Casa das Campás servirá de escenario para o concerto do Dúo Fírveda, actividade que tamén se insire nesta Semana da Creatividade e da Innovación ao igual que o concurso de fotografía a través de Instragam, ao que se presentaron xa máis de 70 imaxes.

PUBLICIDADE