O director da galega Alcatraz Solutions, recoñecido coa medalla de ouro do Foro Europa

mércores, 27 de febreiro do 2013 Redacción

Leopoldo Mallo, socio e director xeral de Alcatraz Solutions, firma galega especializada en cumprimento normativo e en protección do coñecemento (axudando ás empresas e organizacións a respectar a Lei Orgánica de Protección de Datos, LOPD) vén de se ser recoñecido coa prestixiosa medalla de ouro do Foro Europa. Mallo, empresario galego amais de profesor na Universidade Autónoma de Madrid, foi distinguido co devandito galardón debido á “súa traxectoria profesional, humanista e europeizante”. Sinalar que estas medallas, que entrega o Foro Europa dende 2002 a persoeiros salientábeis nos eidos da política, a cultura ou a empresa, diríxense a pór de manifesto os meirandes esforzos a prol da construción dun novo tecido social e político que recolla e promova os aspectos máis positivos do Vello Continente.
Entre outras personalidades, xa son Premios Cidadán Europeo o xornalista Luis del Olmo; a escritora Carmen Pousadas; o ex presidente do Círculo do Liceo e do Círculo de Economía Carles Cuatrecasas; o políticos Josep Piqué, Joan Clos, e Xavier Trías, e o presidente do Fútbol Club Barcelona Joan Laporta. O recoñecemento ao galego Leopoldo Mallo (A Coruña, 1965), licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, pretende “destacar unha traxectoria de máis de 20 anos de bagaxe profesional”, informa Alcatraz, “durante os cales desempeñou con éxito diversos postos directivos en empresas de renome como Coca-Cola, Panda Software ou Iveco-Pegaso. Actualmente dirixe varias compañías TIC (Alcatraz e Global E-Learning Services) e máis Rayle Investimentos.

PUBLICIDADE