O cineasta Dany Campos lanza un libro con formato tuit sobre a escritura de guións

mércores, 15 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O cineasta e escritor Dany Campos infórmanos dun libro de seu, o primeiro que lanza desta temática, sobre a arte e a ciencia de escribir guións para o audiovisual. Trátase dunha obra filla do seu tempo, no senso máis tecnolóxico do termo: concibiuse a través da actividade de comunicación que o autor mantén a través da súa conta en Twitter (@consult_guion), dende hai ano e medio, e isto déixase notar non só no texto que se ofrece (que ten presente o xeito de traballar que permiten as redes sociais) senón no seu propio formato e no estilo elixido para artellalo: coma se dunha versión persoal do Twitter, dun usuario para toda a comunidade, se tratara. Xa o título fala por si só: La escritura de guión en 1000 tuits.
Unha das conclusións que podemos tirar é que redes como Twitter estimulan un xeito de escribir que ten sombras pero tamén luces: convídanos a que lle saquemos punta ao maxín na procura das palabras que digan máis con menos (nisto, en definitiva, xa teñen traballado algúns dos mellores representantes da historia da literatura). Xa centrándonos no miolo da obra, dicir que Campos ofrece un repaso aos aspectos máis importantes do oficio de guionista, desde como construír unha boa historia, pasando por consideracións formais, até como vender o libreto ou frases de motivación que acenderán o ánimo daqueles lectores interesados en escribir para o cinema, a televisión ou os videoxogos. Como avanzamos, o contido da obra está exposto “nesta popular versión do aforismo que é o tuit”, sinala Campos. É froito, polo tanto, da actividade do autor compartindo os seus coñecementos cos seus seguidores a través desta rede social, estimulando a creación de guións de ficción, así como provocando o debate sobre distintos aspectos desta disciplina artística. A obra, en opinión do autor, “non pretende ser unha escolma académica de contidos sobre a escritura de guión, senón unha boa chea de consellos e regras que estimularán a creatividade e provocarán a reflexión do lector para iluminarlle na escura tarefa de crear historias desde a páxina en branco”.
Á parte do formato físico da publicación, hai máis pegadas dos tempos tecnolóxicos que corren. De feito, existen distintas versións electrónicas: para eBook, para iPad e para calquera outro dispositivo móbil ou tablet. A versión física, iso si, xa está dispoñíbel en Amazon. Ademais, o proxecto comprende unha “versión social” na que o contido do libro amósase de maneira gratuíta a través da propia web do libro. A peculiaridade desta versión, ademais da súa gratuidade, é que os tuits son compartíbeis a través das redes sociais do lector.
O libro tamén inclúe un prólogo en formato tuit, no que 10 recoñecidos profesionais da industria e a formación cinematográfica, así como algúns representantes da comunicación dixital, escriben as súas impresións sobre o libro co devandito formato. Entre eles atopamos a Julio Alonso, gurú da comunicación en Internet, Pancho Casal, produtor de contidos dixitais que atesoura 6 Goyas e 33 nomeamentos, Ginés García Millán, recoñecido actor murciano, e Benito Zambrano, guionista e director andaluz con 2 Goyas e 6 nomeamentos no seu haber. Á vindeira presentación (20 de maio, na Librería Tipos Infames de Madrid, ás 20 horas) tamén ten confirmada a súa presenza o blogueiro galego Enrique Dans.

PUBLICIDADE