O día 29 pasa a estar prohibido o spam telefónico

martes, 20 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A Unión de Consumidores de Galicia está a lembrar estes días que o vindeiro día 29 entra en vigor a reforma da Lei Xeral de Telecomunicacións, que recolle a prohibición das chamadas telefónicas con fins comerciais a usuarios que non manifestaran o seu consentimento previamente. O cambio lexislativo propiciará que entidades como a Axencia Española de Protección de Datos poidan intervir para atallar a molesta práctica das chamadas comerciais non desexadas que para boa parte da cidadanía supón unha grande molestia.
Dende a Unión de Consumidores de Galicia advirten de que agora haberá que ter especial atención á hora de outorgar o consentimento de recibir comunicacións comerciais. De recibir chamadas comerciais sen ter autorizado o usuario esta forma de contacto poderase proceder a denunciar, polo que confíase nunha drástica redución deste tipo de chamadas nos vindeiros meses.
A lexislación anterior xa recollía a prohibición da recepción de chamadas automáticas sen intervención humana (o que erradicou esta práctica), e no que se refire ás chamadas comerciais, a norma anterior só recollía o dereito a oporse a recibilas, pero coa modificación publicada hai un ano (que entra en vigor o día 29) tal oposición pasaría a aplicarse de xeito predeterminado, pois recóllese como un dereito «non recibir chamadas non desexadas con fins de comunicación comercial, agás que exista consentimento previo do propio usuario para recibir comunicacións comerciais».