O día 12 toca loitar pola igualdade nos estudos STEM e contra o machismo online

mércores, 4 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Águeda Gómez, Isaura Abelairas, Carmela Silva e Manuel Reigosa

Este 12 de decembro a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo vai acoller unha nova xornada da Cátedra Feminismos 4.0, impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo será analizar “a escasa presenza de mulleres nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)” na universidade e no ámbito profesional e empresaria. A maiores, afondarase nas orixes do machismo dixital e achegaranse, conxuntamente, recursos para combatelo. A xornada será libre até completar aforo. Desenvolverase baixo o título Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado.
Nun plano máis detallado, as relatoras afondarán nas razóns e solucións a aplicar para enfrontar a desigualdade de xénero en detrimento das mulleres, que se rexistra nos ámbitos STEM, e abordarán, desde unha perspectiva de xénero, as expresións de machismo e misoxinia que se rexistran nos videoxogos, memes, wikicontidos, algoritmos ou mesmo a censura de determinadas partes do corpo das mulleres.
Respecto destas prácticas, na presentación da xornada mostráronse casos concretas delas, e algúns moi próximos e recentes. De feito, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, denunciou que unha peza audiovisual da Unidade na que se amosaba o peito dunha muller sufriu recentemente nas redes unha censura, que non obstante, dixo, non se aplica a outros contidos dixitais claramente machistas.
O reitor Manuel Reigosa, pola súa banda, asegurou que “Internet é noxentamente machista” e manifestou a súa preocupación ante mensaxes que aseguran que a igualdade está conseguida. “Non se poden admitir esas mensaxes que piden volver atrás e que algúns expresan sen rubor. Hai que ser obxectivos e loitar pola igualdade”, asegurou o reitor, que afirmou que a paridade aínda non está acadada, como confirman as cifras, mesmo nas institucións públicas, ao tempo que lamentou o descenso experimentado na última década no número de mulleres matriculadas en carreiras de enxeñaría.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de “arrepiantes” os datos que confirman que o 75% de persoas matriculadas en enxeñarías e arquitectura son homes, que conforman o 71% dos titulados. “Non se pode mirar cara outro lado porque o emprego de calidade está vinculado ás titulacións STEM”, asegurou.
Relatoras de primeiro nivel
A sesión Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado comezará cunha intervención da catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da UDC (e investigadora do CITIC), Amparo Alonso Betanzos, á que seguirá un relatorio da docente e investigadora do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires. A xornada continuará cunha mesa redonda na que participarán a docente e investigadora da UVigo Amelia Verdejo Rodríguez; a comunicadora audiovisual de videoxogos e coordinadora de Protesto, o primeiro libro de gamestudies en castelán con perspectiva de xénero, Marina Amores (Blissy); a tradutora especializada en textos científico-técnicos e en localización de software e páxinas web, Mercedes Rodríguez García e a fundadora da empresa de vidoxogos Jellyworld, que promove a igualdade e cofundadora de Women in Game, que defende os dereitos e promove ás mulleres desenvolvedoras de videoxogos, Gisela Vaquero.

PUBLICIDADE