O detector de chuvia aceda das Aulas Tecnópole, segundo premio en Jóvenes Investigadores

martes, 7 de outubro do 2014 Redacción

Os nosos novos investigadores abeirados ás Aulas Tecnópole seguen a obter importantes recoñecementos alá por onde van e presentan os seus enxeños. Se hai uns días falabamos en Código Cero dos recoñecementos obtidos polo respaldo intelixente de Alba Fernández e Uxía García, hoxe cómpre falar dunha nova distinción á tecnoloxía galega xurdida do certame Jóvenes Investigadores 2014 que convoca o Instituto da Xuventude do Goberno español. O enxeño galardoado agora tamén é un vello coñecido de Código Cero, posto que xa dimos conta del con motivo de ser declarado finalista do dito concurso. Trátase dun sistema para a detección de chuvia aceda en solos e plantas desenvolvido por tres alumnos das Aulas Tecnópole. No dito certame estatal gañou o segundo premio.
O proxecto, desenvolvido por Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero, fora exposto o pasado mes de maio na Intel International Sciencie and Engineering Fair de Los Ángeles (EE.UU.), segundo lembra a Tecnópole “unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario”. Entre os grandes puntos fortes do enxeño desenvolvido por estes tres rapaces galegos atópase o seguinte: que non só axuda a detectar os efectos da chuvia contaminada senón que achega recursos para contrarrestar os seus efectos. Ademais, apóiase directamente no emprego das novas tecnoloxías, máis polo miúdo coa inclusión dun dispositivo electrónico programado cun medidor de pH que posibilita aos usuarios recibiren alertas nos seus dispositivos (móbil, tablet ou computador) cando a tecnoloxía detecte chuvia cun pH inferior a 5, ou sexa chuvia aceda.
O proxecto, que tamén participara na última edición da Galiciencia, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia coa colaboración da Consellería de Economía e Industria.
Polo que respecta ao certame Jóvenes Investigadores, sinalar que se celebra desde hai 27 anos e nesta convocatoria recente rexistrou o seu récord de proxectos presentados, con 346 traballos de estudantes de entre 15 e 20 anos de toda España (sobre os 287 do ano 1997, a maior cifra rexistrada ata agora na historia do concurso).

PUBLICIDADE