O coronavirus non frea a edición de 2020 do LGx15

luns, 5 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) organiza anualmente as xornadas LGx15 onde unha serie de relatores imparten breves conferencias sobre a lingua galega para a súa divulgación a través da canle de YouTube da organización, buscando así que estas mensaxes cheguen ao maior número de cidadáns posible para achegar reflexións, ideas, opinións e propostas sobre o futuro da lingua.
O contexto sanitario actual fai complicado desenvolver o formato presencial destas charlas de 15 minutos, normalmente acompañadas por música e humor, para facer máis doada de levar a xornada, pero iso non impediu que esta iniciativa perdese a edición de 2020, e de aí que a pasada fin de semana gravasen a porta pechada unha nova edición do LGx15 no Centro Socio Cultural do barrio de Santa Marta (Santiago de Compostela), de xeito que confían en que no mes de novembro poidamos ver estas interesantes intervencións entre as que destaca a de Esther Estévez, presentadora do #DígochoEu da CRTVG, iniciativa que busca instruír sobre o bo uso da nosa fala a través de breves vídeos publicados en redes sociais, e que nas últimas semanas conseguiu adaptar con bastante éxito o seu formato a TikTok.

PUBLICIDADE