O concurso de simulación empresarial Play! chega á súa fin

luns, 31 de maio do 2010 Raquel Noya

A cuarta edición do concurso Play! Desafío para novos emprendedores, que ao longo dos últimos seis meses mantivo a preto de 2.000 estudantes “pelexando” por facerse co primeiro posto nun xogo de simulación empresarial, chegou á súa fin o pasado venres, coa entrega dos premios e diplomas aos gañadores do mesmo.
O acto, que tivo lugar no Centro Social Caixanova de Vigo, púxolle o broche final a medio ano de intensa competición, no que estudantes de 78 centros de bacharelato de toda Galicia, disputaban as súas habilidades na creación dunha empresa virtual.
O Equipo A do IES Monte da Vila de O Grove fíxose co primeiro posto, nunha igualada final na que tamén participaron estudantes do IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela), o IES Río Cabe (Monforte de Lemos), o IES Universidade Laboral (Ourense) e o IES Cidade de Antioquia (Xinzo de Limia).
Este xogo de simulación empresarial foi organizado pola Escola de Negocios Caixanova e o Instituto de Desenvolvemento Caixanova, e xa celebrara a final o pasado 8 de maio na cidade olívica.
Nel, os equipos participantes debían poñer a funcionar a súa propia empresa de lácteos, establecendo estratexias sobre aspectos como a produción, o aprovisionamento, as vendas ou as políticas de financiación, entre outros aspectos.
Grazas á axuda dun software especificamente deseñado para esta iniciativa, as empresas competían entre sí nun mercado similar ao real, no que as decisións que tomaban uns equipos tiñan repercusións nas estratexias que deseñaban os outros para converterse na compañía líder do sector.
Os premios que recibiron os integrantes do equipo gañador consisten en ordenadores Macbook, televisións LCD, discos duros, móbiles, ordenadores ultraportátiles e consolas de videoxogos.
Os e as integrantes do equipo gañador son María Barral Sanmartín, Noelia Bea Cano, Sara Isabel Otero Otero, Beatriz García Caneda e Jose Luis Vázquez Carpintero, que recibiron cadanseu portátil Macbook e unha beca de 6.000 euros para estudar na Escola de Negocios Caixanova cunha validez de ata 10 anos.

PUBLICIDADE