O compositor Horacio Vázquez achega o seu repertorio na Rede a través de doazóns

martes, 25 de marzo do 2008 Raquel Noya

A empresa Hospedaxes vén de pór en funcionamento a web do compositor Horacio Vázquez Fariña, que permite facer descargas dos seus discos mediante diversos tipos de doazón: vía SMS, TPV, Paypal, transferencia bancaria ou incluso sen doazón (para os máis furrinchas).
Este coruñés de “corenta e catro outonos” (como el se describe no seu blog), fai da guitarra o seu principal medio de expresión e, a través dela, narra as vivencias e sensacións que o día a día lle vai permitindo experimentar. Concretamente, o primeiro dos seus traballos, De aquí para allá, que é o que se pode descargar actualmente a través da web, é unha escolma dos sentimentos do compositor “antes, durante e meses despois” do nacemento de cada unha das súas fillas. Aínda que non se encadra en ningún estilo concreto, nos seus temas “non hai unha tónica que poida salientar, salvo a da propia heteroxeneidade”.
O artista precisa da colaboración dos internautas que gozan da súa música para poder sacar á luz o resto das súas creacións, interpretadas e arranxadas por Juan Calleja e Alberto Quintero, guitarra, e piano e orquestración, respectivamente.
Os usuarios que entren nesta peculiar web e lles saiba a pouco a historia do seu protagonista, non teñen máis que ir ao blog do compositor onde fai un repaso minucioso da traxectoria que seguiu ata chegar a botar man das novas tecnoloxías e Internet para achegarse máis ao seu público (moi ben escrito por certo). Parabéns e sorte no proxecto.

PUBLICIDADE