O complexo alacantino da Cidade da Luz amosa o seu interese por colaborar co CLAG

xoves, 25 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) segue a traballar por ampliar na medida do posible o seu eido de acción. En definitiva, por facer mundo e mercado, con axuda da Rede, da procura constante de contactos e novas canles e, tamén, da súa presenza continua en eventos internacionais (por exemplo o Mercat de Catalunya ou o de IBC de Amsterdam). Este labor está a traducirse en apoios como o que lle vén de amosar o equipo de responsables da Cidade da Luz (o moderno complexo cinematográfico de Alacant) que se reuniron esta semana en Compostela cos representantes do CLAG, entre outras cousas para amosarlles o interese pola súa actividade e, tamén, por selar alianzas empresariais estratéxicas.
Precisamente, así o deu a coñecer a mañá de onte José Luis Román, director xeral de Aguamarga, no transcurso dunha xuntanza que serviu para afianzar canles de colaboración e “múltiples opcións de negocio”.
O encontro, que en realidade é a segunda toma de contacto entre ámbalas entidades, tamén tivo como finalidade intercambiar experiencias arredor das moitas incorporacións (físicas, técnicas e humanas) das que vén de ser obxecto a Cidade da Luz ao longo deste ano, infraestruturas que (apuntaron os responsables do complexo alacantino), de seguir cara adiante esta colaboración, poderían poñerse en parte a disposición das empresas galegas.
Segundo comenta o propio clúster galego, a Cidade da Luz leva operativa dende 2005, a sendo un complexo empresarial concibido como un proxecto do director Luis García Berlanga, coa finalidade de ser “un gran centro audiovisual para acometer producións de calquera natureza’ segundo explicou José Luis Román. Localizada nunha zona xeográfica de 300 hectáreas., con grandes posibilidades de espallamento futuro, a Cidade permite levar a cabo plans de rodaxe moi sincronizados e operativos, segundo os seus responsables, co incentivo dunha política de subvencións moi competitiva da Generalitat Valenciana, que pode oscilar entre o 16 e o 20% do investimento.

PUBLICIDADE