O comercio na era dixital post-pandemia, polo miúdo nunha nova xornada online da Cámara de Santiago

venres, 30 de abril do 2021 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago e Amvos World Digital organizan o vindeiro 7 de maio unha xornada sobre o protagonismo que está gañar o comercio electrónico dende o inicio da crise sanitaria e sobre as posibilidades de expandir mercado que ofrecen ás empresas plataformas dixitais internacionais. A xornada Modelos Quick Export será de balde e online, a partir das 10.00 horas. A Cámara permite facer as inscricións na súa web.
Segundo informa a entidade cameral acerca dos porqués desta sesión formativa e ilustrativa, “a pandemia deixou clara a necesidade de desenvolver unha estratexia dixital efectiva para un consumidor que, cada vez máis, deposita a súa confianza nas canles en liña”. Neste contexto, engade, “as feiras físicas teñen que abordar a crecente competencia das plataformas dixitais internacionais que permiten chegar a un número moi elevado de clientes de múltiples países e sectores”.

PUBLICIDADE