O colectivo Zemos98 libera na Rede o seu libro La Televisión No Lo Filma

xoves, 5 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Posiblemente é un fenómeno imparable, e estar a ser acollido por moitos de nós con grandes doses de optimismo: falamos da práctica de publicar libros (tamén) na Rede, ó alcance de todos e de tódalas economías (adoitan a ser de balde, en formato PDF e baixo licenza Creative Commons).
Portada do libro La Televisión No Lo FilmaSe hai pouco falabamos do Manual sobre Copyleft, agora toca falar dunha desas obras que vai encamiñada dende o intre no que nace a amosarnos que a realidade habita alén dos catro lados do rectángulo da pantalla do televisor. Así, xa podemos anunciar que vén de ser liberado (por unha banda, en formato PDF) e publicado en papel (pola outra) La Televisión No Lo Filma, unha obra do colectivo sevillano Zemos98 que é froito da iniciativa Más allá de la televisión, un festival organizado pola agrupación cada ano (dende hai oito anos) no que se reflexiona, precisamente, sobre esa práctica nosa cada vez máis común de coñecer as cousas a través do que nos din dela, en troques de facelo cos nosos propios ollos, sen o filtro de Antena 3 ou Telecinco.
La Televisión no lo filma, é unha escolma de diferentes visións sobre o papel da arte en proxectos sociais, ideoloxías políticas e tecnolóxicas utópicas que acheguen unha idea de televisión como un elemento real de comunicación e non unidericcional e pasado polo filtro dos gobernos ou das grandes corporacións.
Por certo que no libro tamén participa o galego Juan Varela, autor dun dos blogs máis visitados do Estado, Periodistas 21, quen aproveita para reflexionar sobre a televisión do futuro que virá das mans da Rede. Máis participativa? Máis como a Web 2.0? Máis unha ferramenta de comunicación real ca un megáfono orientado cara a tódolos fogares cunha única mensaxe: non pensedes por vós mesmos que xa estamos aquí nós para facelo?

PUBLICIDADE