O colectivo Galsoft desenvolve unha distribución Linux, en galego, para a nosa mocidade

mércores, 17 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Asociación Xuvenil de Software Libre Galsoft, co obxectivo de acadar na nosa terra un panorama de dispoñibilidade total de programación aberta, facendo fincapé na nosa mocidade e máis na lingua galega, está a desenvolver unha distribución libre no noso idioma de uso xeral: Galsoft Linux. Esta tarefa de desenvolvemento, que se acompaña de accións para fomentar o emprego e distribución de código aberto, deu comezo o verán pasado, dando como primeiros resultados a posta en marcha dunha páxina web, galsoftlinux.org, e a primeira versión da devandita distribución, acompañada de dous paquetes de aplicacións portábeis.
A versión 1.0 de Galsoft Linux, sinalan os integrantes da asociación, “inclúe os programas de máis uso, soporte para Flash, Java e os codecs de vide máis estendidos”. Por certo que xa podemos facernos con este recurso a través da sección Descargas.
Segundo fan saber dende este colectivo, a distribución irase actualizando cada pouco. Ao seu desenvolvemento cómpre engadir unha páxina de inicio de seu dentro da web da asociación que é semellante en feitura á interface metro do sistema operativo Windows 8. Asemade, co fin de explicar funcionalidades e vantaxes, habitáronse en YouTube un vídeo titorial de instalación e outro sobre aplicacións.
Todos os programas e aplicacións dispoñíbeis na web desta plataforma xuvenil son de código aberto e teñen a licenza GNU General Public License version 3.0 (GPLv3).
A asociación, para rematar, salienta que o proxecto no que está mergullada (achegar o software libre á mocidade galega) está a ser “todo un éxito, con máis de 10.000 folletos repartidos, mais de 200 DVD entregados, e mais de 120 descargas da distribución Galsoft Linux”.

PUBLICIDADE