O cofundador de Blusens amosou a súa experiencia profesional na nova edición da LaconNetwork

luns, 27 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A semana pasada celebrouse en Vigo unha nova edición de LaconNetwork, a 25ª dunha xuntanza que, como xa temos sinalado dende Código Cero, destaca ante todo polos novos formatos de encontros profesionais TIC que pon en xogo: uns formatos que apostan pola itinerancia e pola falta de protocolo e oficialidade, coma se dunha xira de reunións de futuros amigos se tratara. O obxectivo é tirar partido, precisamente, deste clima distendido para acadar unha colaboración e unha comunicación máis rica e fluída. A última edición, que non a derradeira, contou coa presenza de activa de profesionais do noso eido TIC como Miguel Silva, cofundador de Blusens e “emprendedor galego de referencia”, segundo apunta a organización.
A cita, como dixemos, xuntou unha vez máis a un bo número de representantes do sector na nosa terra, experimentados ou ben a piques de curtirse na realidade dun dos eidos produtivos de meirande proxección da nosa economía, o do coñecemento e a innovación tecnoloxico-dixital. Dase a casualidade de que esta convocatoria número 25 celebrouse por primeira vez nun centro universitario, malia que as liñas de actividade fosen semellantes ás das anteriores edicións, só que se cadra cun punto de vista máis centrado no gran potencial de crecemento TIC que abrolla dos nosos campus.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, foi o encargado de darlle a benvida a todos os asistentes a unha xornada “que estamos encantados de que se celebre aquí, xa que un dos obxectivos prioritarios é motivar aos nosos alumnos e alumnas e tamén aos egresados a que tomen a iniciativa de emprender”, dixo Vilán. Ao seu xuízo, é fundamental hoxe en día que insistamos, a tódolos niveis, na importancia “de levar a sociedade non só os nosos coñecementos, senón tamén de axudar a que o noso alumnado poida intentar facer os proxectos que teñen nas súas cabezas”. Pola súa parte, Miguel Silva, logo de participar nunha serie de encontros informais cos participantes na xuntanza, impartiu o relatorio Where is my crispy bacon?, un achegamento ao seu periplo profesional e, por extensión, á realidade do sector das novas tecnoloxías, da electrónica de lecer e das telecomunicacións. De feito, amais da súa experiencia en Blusens, Silva desenvolveu o cargo de director xeral de Televés para Oriente Medio e Asia e foi o presidente fundador do Spanish Business Council nos Emiratos Árabes Unidos.

PUBLICIDADE