O cliente de Mastodon dos creadores de Tweetbot xa é unha realidade

martes, 24 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A prohibición dos clientes de terceiros por parte de Twitter provocou distintas reaccións por parte das empresas que desenvolvían esas aplicacións, e mentres algunhas se encamiñan ao cesamento de actividade, outras apostaron por continuar o seu traballo, pero mudando de plataforma social, e así temos que Tapbots, a empresa creadora de Tweetbot, pisou o acelerador, e publicou Ivory para iOS, aplicación en acceso anticipado que xa podemos descargar da App Store, e que permítenos acceder a Mastodon cunha interface moi semellante á de Tweetbot.
Esta ferramenta, que podemos instalar en iPhone e iPad, aínda está nunha fase incipiente, polo que os seus responsables destacan que aínda ten características sen rematar, polo que só é recomendable para que queiran probar Ivory anticipadamente ou simplemente para avaliar a súa futura subscrición, xa que para poder facer uso desta ferramenta a longo prazo hai que pagar 1,99 euros/mes ou 17,99 euros/ano, seguindo así o mesmo modelo de negocio que Tweetbot.
Estamos ante unha aplicación móbil que principalmente vai dirixida a usuarios de Tweetbot que perderon a confianza en Twitter, e que queren manter a mesma experiencia de uso noutra plataforma, aínda que Mastodon ten unha comunidade e unha actividade que pouco teñen que ver con Twitter, polo que haberá que ver se a longo prazo Tapbots consegue que o desenvolvemento de Ivory sexa viable.

A interface de Ivory é moi semellante á de Tweetbot, pese a que funcione con Mastodon en vez de con Twitter

PUBLICIDADE